Que facemos
Acompañamento e apoio ás familias

Casa de familia
A nosa entidade xestiona un recurso residencial de tipoloxía casa de familia, vivenda unifamiliar coma calquera do contorno, onde o noso equipo profesional e multidisciplinar convive con 8 nenas, nenos e adolescentes de idades entre os 0 e 18 anos.

Programa de atención de día integral
Na mesma vivenda contamos con 4 prazas para realizar intervencións socioeducativas con nenas, nenos e adolescentes, con necesidade de apoio familiar, que a partir das 20:00 horas regresan ao seu domicilio familiar.

Programa de apoio e acompañamento Alén
Intervención de seguimento ás mozas e mozos despois de cumpridos os 18 anos onde se lles ofrece apoio e cobertura nesa nova etapa, etapa onde se van e enfrontar a situacións de vida ás que, aínda que chegan preparados para acometelas, resúltalles difícil dar ese primeiro paso con firmeza e seguridade.
Compartindo vida

Colaboración cos diferentes centros de ensino
Traballo e apoio de preto cos diferentes equipos profesionais dos colexios coa intención de mellorar as potencialidades das nenas, nenos e adolescentes.

Traballo coas familias
Intervención de acompañamento e apoio coas familias da infancia e adolescencia buscando ese cambio necesario que normalice a convivencia no domicilio familiar.

Actividades lúdico-deportivas
Implementación e participación en actividades culturais, deportivas e lúdicas todo o ano, na busca de un aporte de benestar psico-físico-afectivo-emocional para as nosas nenas, nenos e adolescentes.

Alimentación
Supervisión dos menús por nutricionista profesional con adaptación ás diferentes necesidades de dieta, culturais ou relixiosas.

Vivindo coa educación
Momentos compartidos que permiten implementar as intervencións socioeducativas co grupo, mediante sesións de vídeo forum ou compartindo o debate da actualidade.

Acompañamento todo o día
Supervisión e acompañamento do persoal educativo nas diferentes actividades do día a día, vintecatro horas os trescentos sesenta e cinco días.
Recursos humanos
Equipo profesional
O conxunto de profesionais que conforma o cadro do persoal da casa de familia, no momento de redactar este documento, está composto por un equipo pluridisciplinar que se sitúa dentro das Ciencias da Educación e Humanidades, con un claro enfoque cara á labor sociocomunitaria, xunto co apoio do grupo de compañeiras auxiliares, o cal queda reflectido na gráfica que se recolle a continuación.
Director/a
Coordinador/a
Educadoras
Educadores
Persoal auxiliar

Normativa interna
Lexislación aplicable
A Orde da Consellería de Familia, Muller e Xuventude do 1 de agosto de 1996, pola que se regulan os contidos mínimos do Regulamento de Réxime Interior e o Proxecto Educativo dos centros de atención a menores.
A Lei Orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor.
O Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, modificado polo Decreto 406/2003, do 29 de outubro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia.
O Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.
A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.
A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.
O Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.
As circulares reguladoras do funcionamento dos centros de protección de menores.
Os protocolos de actuación e funcionamento dos centros de menores de protección.
Os principios recollidos na Convención da ONU sobre os Dereitos do Neno do 20 de novembro de 1989, na Resolución (77) 33 do 3 de novembro de 1977 do Consello de Europa sobre acollida de menores, e das directrices sobre as modalidades alternativas de coidado dos nenos aprobados pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 20 de novembro de 2009.

